Enrique Táboas “O cesteiro”

15 Marzo 2010

 – Enrique, con quen aprendeu este oficio?

Co meu avó, que era de Mondariz, zona onde  dicían que estaban os mellores cesteiros da Galiza. Eran catro irmáns e eles coma moitos outros  marchaban polos pobos buscando traballo, primeiro estiveron en Chaves (Portugal) e despois viñeron para Sanxenxo onde conseguiron traballar  facendo cestas,  patelas etc.. para mariñeiros e labregos, todos eles casaron por aquí.

 – Cantos anos tiña cando escomenzou?

Tiña 13 anos, co meu avó estiven un ano,despois finou pero eu seguín co oficio de cesteiro ata os 25,cando tiña unha dubida preguntáballe o meu pai que tamén era cesteiro,era o meu único traballo, daquela podía vivir deso.

O que mais facía eran patelas e cestas, e vendías principalmente no Grove, Cambados, Portonovo e algunhas tamén en Vigo.

– Por que deixou o oficio?

Os materiais novos vidos de afora feitos de plástico ( capacho,caldeiros,caixas )  foron eliminando os artesáns, porque era máis económicos.

Conta que a pesares de non traballar como cesteiro profesionalmente nunca o abandonou de todo e agora con 54 anos decide empezar de novo co oficio que tanto quere.

­Levo unha tempada sen traballar así que púden volver a retomalo,fun por feiras francas preguntándolle os artesáns, ou a calquera que podía saber, a quen me tiña que dirixir para darme  a coñecer como cesteiro artesán.

 – Que se precisa para ser un artesán recoñecido legalmente e poder expoñer?

O carnet de artesán, tiven que presentar un libro con fotos de cómo facía as cestas,dende a recollida da madeira, secado e elaboración.

 – Que e o que lle gustaría facer?

Gustaríame montar un taller escola, facer exposicións, dar charlas, ensinar este oficio que tanto me gusta e esta a desaparecer.

Cesteiros hai moitos pero facendo como eu as fago penso que so somos dous en todo Galiza, o Sr. Campos de Mondariz, xa maior e eu. Nós somos cesteiros de verjas ou tamén se pode dicir de láminas.

 – Cal cree vostede que seria a solución para que esto non pasara?

As administracións deberían facilitar as cousas a xente coma nos, subvencionar dalgún xeito este oficio, facer talleres escola, exposicións…axudarnos a que nos poidamos continuar algo que se esta a perder por falta de apoio.

Chamei a moitas portas buscando,  Xunta, Deputación, Axuntamento, Asociación Galega de Artesáns etc… todos están encantados e din que non se pode perder, que é un oficio protexido pero……todo queda neso. Mentres o tempo vai pasando e oficio segue ahí esperando a que alguén se de conta que despois non hai volta atrás.

 – Pero  en 2009 expuxo nalgún sitio con moita aceptación…

Si,  fun buscando contactos, chamando e pouco a pouco foron surxindo cousas

O primeiro sitio foi en Portonovo: na festa da raia.

Despois estiven tamén en Troans: na feira do 18 ( Cuntis).

Pontearnelas: Na festa medieval

Montalvo ( Sanxenxo ): Na feira de produtos Galegos.

Pontecaldelas: Celebración da guerra da independencia.

Cambados: ( Feira de artesanía ) festa do viño europeo.

Salt ( Girona): ( Fira del Cistell ) Feira internacional do cesto.

Sanxenxo: Artesáns 2009.

Cuntis: Festa do lacón.

Baiona: Ribada.

Chama moito a atención o meu posto por que non so levo as cestas,de varias formas e tamaños si non que  tamén  ven como as fago, como racho a madeira..e explícolles a quen pregunta todo o que queren saber dos cesteiros e o seu traballo.

 ­- Que madeiras utiliza?

 Carballo, castiñeiro, tamén mimosa, loureiro, salgueiro, bidueiro e de sanguiño.

E non son nada fáciles de atopar,por que as veces pode haber moito pero non toda sirve.

 – Explíqueme un pouco que pasos hai que dar para chegar a unha patela

Ir cortala madeira, quentala, que hai tres xeitos de facelo, con lume, con calor (nun forno) ou o vapor con auga, esto sería para quitarlle a humidade e descompoñerlle a tinta,para que a cor sexa uniforme,e tamén para que a madeira sexa mais flexible,rachase a madeira,deixase secar,e para traballalas volvese a mollar, colócanse as láminas  na banca para empezar a facer os fondos, e  entrelazando vai saíndo a peza.

Saio do seu taller encantada de ver que aínda queda  xente capaz de facer as cousas dese xeito, artesanía en estado puro, sen cambios a pesar dos novos tempos, cousa difícil de atopar entre nós, e coa confianza de que entre todos axudemos a que esto continúe.

Para contactar con Enrique Táboas  “ O Cesteiro ”

Email : enriquetaboas@hotmail.com

Para ver máis do seu traballo preme aqui .

Publicado na categoría 6 Artistas anónimos | | Enriba

Comentarios pechados.