O DÍA DO CON. NA VENTUREIRA

25 Abril 2011

Nos montes de Sanxenxo hai varios cons, a pedra Sabela, os cons do Mosqueiro, o con grande, a pedra do Amio, a pedra da Barca, pero o máis coñecido de todos é o máis grande, o CON DA VENTUREIRA, un dos lugares que visitamos nos roteiros ao CHAN DA GORITA

ROMERÍA.- O luns de Pascua, foi costume subir ao Con da Ventureira, a pasar o día de festa. Aínda hoxe ao luns de pascua chámaselle O DÍA DO CON. Esta romería interrompeuse durante a guerra civil e os primeiros anos da ditadura franquista, ata que foi recuperada a finais dos anos 50. Agora aínda que ó día do Con é festivo local en Sanxenxo, non se celebra realmente esta romería, pois aínda que alguén poida subir a pasar o día do con na Ventureira, vese polo estado do monte nos últimos anos que grandes afluencias de xente non houbo.

MAR.- O Con da Ventureira estivo noutros tempos vinculado a actividade pesqueira. Ao non haber vexetación alta (eucaliptos) permitía que se vira dende o mar con moita facilidade. A día de hoxe entrando pola ría, vese o letreiro dunha constructora alí na Torre de Padriñán, imaxinádevos como se vería este con, que é bastante máis grande que ese letreiro. O feito de divisarse ben foi aproveitado polos mariñeiros para a súa orientación. Testemuña deste uso son as cartas náuticas e os mapas editados a principios do século, onde aparecía remarcado co nome “O Con da Costa” (aínda que neste mesmo monte, existe outro con de dimensións moito máis pequenas, que é coñecido como o con da Costa, localizado enriba de Buezas).

LENDA.- Contan que unha tarde baixando unha rapaza do monte de coller leña, o pasar o carón do con veu unha fada enriba dela, peiteándose cun peine de ouro. A fada o vela rapaza co feixe de leña,limpoulle o suor coa súa man dereita, e despois de darlle un bico na fronte, levouna con ela ó seu pazo,que se atopaba debaixo da pedra. Ó cabo duns anos, a rapaza apareceu de novo na aldea (sería Aldariz? A Laxe?) Levaba postos moitos colares e aneis, e tamén levaba cartos na faldriqueira. A xente do lugar quedou abraiada o vela, pois non parecía que por ela pasaran os anos. A rapaza contou o que lle acontecera, como atopara a fada, como eran as súas roupas, as trenzas negras e bailantes, pero o que mais lle chamara a atención foran as presillas dos zapatos, pois non eran de ferro, nin prata, nin ouro. Despois de oír isto, moitos rapaces e rapazas foron buscala fada o redor da pedra. Pero nunca mais apareceu.

A lenda foi recopilada da REVISTA ABIÑADOIRA

Publicado na categoría 2 Curiosidades | | Enriba

Comentarios pechados.