ROTEIRO: AVISTAMENTO DE AVES NO COMPLEXO INTERMAREAL UMIA-OGROVE, LAGOAS DAS CACHADAS

29 Novembro 2013

Dende a  Asociación Cultural Andarela queremos dar a benvida ao mes de decembro cunha nova actividade


Desta vez convídamosvos a descubrir e coñecer a riqueza ornitolóxica do Complexo Intermareal Umia-Ogrove en colaboración co grupo SEO/Birdlife de Pontevedra.

Este domingo, 1 de decembro as 10.30 horas encontrarémonos no centro de interpretación de As Telleiras de Vilalonga – Sanxenxo, para percorrer esta parte do espazo natural no que se percibe dun xeito notable a influenza das actividades humanas na modificación da paisaxe. As lagoas que percorreremos e que hoxe sirven de refuxio para milleiros de aves son o froito do aproveitamento da industria cerámica que dende comezos do século XX se asentou na bisbarra.
Este espazo natural forma parte do convenio RAMSAR de humedais de importancia internacional dende 1989 ademáis de estar presente na Rede Natura 2000 e ter a catalogación de Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA). É por esto que dende Andarela queremos por en valor a importancia do complexo que tan próximo temos e aproveitar a época do ano na que nos atopamos para descubrir especies que fan deste o seu lugar de invernada ou de paso na súa ruta migratoria.

Recomendamos levar roupa adecuada as condicións meterolóxicas, calzado resistente á auga e primáticos.

Comentarios pechados.